domingo, 20 de febrero de 2011

As algas: un abono ecolóxico

Hoxe en día non é moi común, pero a miña familia, como moitos outros habitantes de Caión, aínda recollían este recurso mariño para aboar as terras da familia. Meu pai metíase no mar para arrastralas ata terra e miñas tías íanas amoreando na area. Así eran de ricas as patacas e a tamén as cebolas moradas e doces tan famosas da nosa vila! Agora esta práctica tradicional estase a estudar como alternativa ecolóxica a outros tipos de abono.
Cando entraba o golfe, cada un recollía e amoreaba certa cantidade nunha zona da praia de salseiras que se chama "auga redondo" ou na ribeira (no porto), según por onde entrara. O montón marcábase cos troncos de algunhas algas como as correolas; logo recollíase nunha saba de catro puntas feita de arpilleira. Amarrábanse as puntas en triángulo, facendo nós coas puntas de fóra. Esas dúas puntas de fóra enganchábanse na cabeza para que non caera a saba, para controlar o peso e para non cargar demasiado o lombo. Levábanse a costas ata as leiras, onde se usaban como abono. Sen tractores, sen máquinas, sen nada de axuda mecánica, este traballo tan duro facíano as mulleres e homes da vila desde tempos ancestrais. 
Dende o solar en venta hai unhas estupendas vistas cara "auga redondo", onde aínda se acumula ese golfe. Por certo, meu pai ensinoume que cando esas algas comezaban a secar, a xente do lugar ía ata alí e pisábanas porque crían que era bo para os osos xa que zumegaba iodo. Eu fíxeno, camiñei sobre eses montóns de algas que hoxe en día xa ninguén recolle. Non é que o cheiro sexa moi agradábel, pero resístese e se é tan bo como se dicía, pois paga a pena aguantar ese "aroma".

domingo, 6 de febrero de 2011

Piratas dos de antes


Noutro post falaba dos cambios bos e malos que sufriu esta vila ao longo dos anos. Pois un dos bos é que xa non hai piratas... dos de antes, claro. Si, á nosa costa chegaban piratas; supoño que nas zonas de mar aberto era así. Pregúntome de onde sairían? A cousa complicouse tanto que os Agustiños que ocupaban o antigo convento do século XVI decidiron que estaban cansos de loitar, de recuperar as colleitas que con tanto mimo plantaran e marcharon á veciña cidade de A Coruña.
Agora que xa non hai piratas que poidan arrasar cos nosos cultivos e coas nosas casas, xa non é un risco vivir tan preto do mar, tan preto como os monxes daquel momento!
Claro que esta historia de piratas é a que contaban os meus bisavós a meu pai e as súas irmáns, porque a historia que teño lido eu é bastante distinta.