jueves, 22 de diciembre de 2011

Que lle tocou a lotaría?  Daquela, a que espera para inverter no terreo que lle ofrecemos aquí?
¿Que no lle tocou a lotaría? Anímese igualmente a inverter en Caión. Se merca este terreo, será como se lle tocase o Gordo de Nadal!

miércoles, 21 de diciembre de 2011

A natureza enfurecida e o espírito do Nadal





O inverno é tamén unha boa época para achegarse ata Caión. E cando a natureza asoma furiosa, é capaz de crear escenas extraordinarias. Non importa que en Caión non haxa neve, o Nadal segue tendo un encanto especial cando o mar se enfurece!
Pódenos asustar, pero tamén nos relaxa, sobre todo se temos a sorte de poder contemplar esas imaxes desde a nosa propia casa, cálida e agradábel. Se vostede decide inverter no terreo que ofrecemos nesta bitácora, estará máis preto de poder gozar de momentos así.
O vídeo que inclúo aquí é dun temporal que golpeou a costa atlántica e o porto de Caión. Eu tería elixido outra música; vostede é libre para imaxinar a súa propia.
 


sábado, 10 de diciembre de 2011

Activos inmobiliarios: mellor inversión que o ouro?

Como lles dicía nunha anterior entrada, non está nada claro que o ouro sexa a mellor inversión nestes tempos de crise. Hai quen afirma que os activos inmobiliarios a medio e longo prazo seguen sendo unha inversión máis segura.

Por se segue tendo dúbidas, en technorati.com pode ler o meu artigo sobre este interesante debate e, de paso, practicar un pouco de inglés:
http://technorati.com/business/article/real-estate-investments-as-good-as1/

Ouro non é, pero unha excelente inversión si é.


Non reluce como o ouro, nin é de cor dourada e desde logo non ten a mesma textura que ese metal precioso. Ademais, todos sabemos que non o podería levar posto á súa próxima cita porque non lle sentaría ben.

Sen embargo...

Os inversores intelixentes saben que a propiedade inmobiliaria, ese activo non corrente, é tan boou incluso mellorque o ouro. Pregúntome canto vai tardar ese comprador, bo coñecedor dos mercados, en mercar este solar.

miércoles, 30 de noviembre de 2011

Receita: polvoróns de Nadal

Aquí teñen outra deliciosa receita de Clara Leis. Esta vez trátase dun doce tipicamente español: polvoróns de Nadal que podemos gozar durante todo o ano.

domingo, 27 de noviembre de 2011

Galicia. Gárdasme o segredo?

Empresarios e aventureiros



Este blog converteuse en algo máis que unha iniciativa empresarial. Xa non se trata tan só de ofrecer unha extraordinaria oportunidade inmobiliaria. Para min transformouse nun espazo onde compartir memorias, anécdotas e vellas historias cos meus lectores—anécdotas, memorias e historias relacionadas co patrimonio da miña familia, co lugar onde naceu meu pai, con unha incrible vila pesqueira chamada Caión. Gozo moito escribindo sobre as historias e contos que veño escoitando durante toda a miña vida, como a historia real que estou a piques de rememorar.

Gustaríame contarlles algo sobre o negocio que rexentaron os meus emprendedores pais entre os anos 1955 e 1969 en Caión. Cando casaron, meus pais decidiron afincarse en Caión (miña nai era de Lendo, unha aldea cercan) e abrir un pequeno ultramarinos na planta baixa dunha casa situada na praza principal desta diminuta península, unha casa que aínda segue en pé. Comezaron pola venda de aceite, azucre, fariña e outros produtos básicos durante o que foron tempos moi duros para a sociedade española. Miña nai aínda recorda como ás veces vendían, a clientes que non podían mercar máis, un cuarto de aceite—unha minúscula cantidade da cal habería que aproveitar ata a última gota.
 
Resultou que miña nai era unha muller moi traballadora e unha excelente cociñeira. Meu pai era tamén un traballador incansable, pero cando se trataba da cociña, era o suficientemente intelixente como para non se atrever coa esta arte. Pronto converteron esa pequena tenda, nun café-bar, restaurante e hostal, que logo se fixo tan popular cos turistas de Madrid e outras zonas de España e Galicia, como cos habitantes do lugar.

Nunha das miñas entradas mencionei a popularidade da tortilla española que facía miña nai e prometín subir a súa receita. Pois aquí está. Pero a tortilla, ese prato tan controvertido, non era o único popular que había na carta. Miña nai tamén preparaba outras especialidades como marisco, callos e carne asada, entre outros. Ao final tamén se celebraban vodas no restaurante. O seu negocio tivo éxito e fíxose tan famoso, que ata unha asociación de chefs franceses pediu organizar unha reunión gastronómica no restaurante de meus pais. Eran os tempos de Picadillo, non de Martín Berasategui.
En canto ao hostal, meus pais podían presumir de invitados tales como un primo do actual rei de España, S.M. el Rey Don Juan Carlos I. Menos ilustres, pero non por iso menos queridos, foron dous mozos xeólogos holandeses que pasaron catro veráns en Caión, mentres traballaban na súa tese. Caión era un lugar tan illado naquela anos, que me segue sorprendendo como esa xente puido chegar a escoitar falar do restaurante Casa de la Fuente. Quizais o artigo que inclúo aquí (houbo outros) sirva para esclarecer o asunto. Outro misterio é como estas persoas foron capaces de chegar a Caión.
As estradas non eran como as de hoxe en día e o camiño a Caión era un dos máis aterradores da zona. Non cabe dúbida de que a paisaxe e a beleza natural desta paraxe única, así como a impresionante gastronomía estaban detrás de tales aventuras.
A estrada a Caión xa non é tan impoñente e a vila está ben comunicada, pero por sorte non perdeu o seu encanto. Se a beleza na natureza non desvanece por que ten que facelo a nosa?

Mar de Caión: uns videos con historia



Hai pouco descubrín esta serie de videos documentais que ofrecen moitos detalles históricos e actuais sobre a vila de Caión e os seus habitantes.

Contrastando opinións


Sempre é interesante contrastar opinións. As seguintes novas e entrevista falan das previsións e propostas para reactivar o sector inmobiliario español.

Vender unha propiedade no medio de tanta confusión



A situación actual é difícil para todos, non só para o sector inmobiliario. Fai uns días publiquei un artigo en technorati.com sobre a venta da propiedade inmobiliaria no medio desta situación económica tan confusa e incerta.
O mercado de vivendas e terreos está parado. E o caso é que nin os compradores queren pagar o que consideran prezos demasiado elevados, nin os vendedores parecemos dispostos a regalar as nosas propiedades. Haberá que chegar a un acordo que sirva tanto para compradores como para vendedores, non si?
Aquí os deixo con un extracto do artigo:
"In the meantime buyers—investors with plenty of equity—are looking for a good bargain. Sellers, however, won't give their property away at a cheap price, and so the real estate market is at a standstill and no one can say what direction it will follow. Selling property is a short-term goal that in Spain has necessarily become a medium or even long-term one."
Para os que se atrevan co texto completo en inglés, esta é a ligazón: Selling Property Amidst the Turmoil at technorati.com

Proxecto de alfabetización das mulleres de Gulabgarh (India)



 Prema aquí para visitar o meu blog dedicado ao proxecto. Xa está dispoñible en galego, español, alemán e inglés.

domingo, 15 de mayo de 2011

Orgullosa do solar en venta


Só por comparar, hoxe dediqueille un chisco de tempo ao surf virtual de terreos e decateime do realmente fantástico que é este terreo en venta. Non nego que existan outras ofertas interesantes, pero son moi poucas as que se poden comparar con este solar espectacular, situado nunha zona chea de tanta historia, beleza.
Calquera que navegue pola rede de redes decatarase que non  pode deixar escapar esta ocasión para construír a casa dos seus soños nun cachiño de costa galega--ou un edificio de apartamentos se o que busca é facer unha inversión financeira. Anímese e non deixe de aproveitar este momento para inverter nun solar libre de riscos. Non se arrepentirá!

domingo, 24 de abril de 2011

Receita do pan de ovo galego (rosca de pascua)



En Lendo, a aldea de Galicia onde naceu miña nai, o chamado pan de ovo facíase polas festas de San Xulián, o patrón da vila. O día grande era o 7 de xaneiro, un día despois da Epifanía. Así que miña nai asocia a rosca coa festa da vila, non co día de Reis.
Lendo: a casa onde naceu miña nai
Como algúns xa saben, na comarca de Bergantiños a sobremesa típica das festas é o pan de ovo en forma de rosca ou trenza e biscoito acompañados de queixo do país. Exquisito!
Durante a Pascua, os padriños regalaban a seus afillados e afilladas un bolo de Pascua. Este facíase coa mesma masa que a famosa rosca das festas, pero non se lle daba a forma de rosca, senón a dun bolo de pan. Segundo miña nai, ultimamente, que para ela significa hai 30 anos, o bolo de Pascua levaba un ovo cocido no centro. Cando casan, os afillados e afilladas deixan de recibir este delicioso agasallo!

Para que poidan saborear un dos doces máis típicos de Galicia--e de outras culturas cristiáns de toda Europa--aquí poden descargar a receita de miña nai, Clara.

Por certo, cando miña nai tiña un restaurante en Caión (diso hai moitos anos) a xente dicía que a súa tortilla era mellor que a famosa de As Casillas de Betanzos. Pero esa polémica déixoa para outro día.

domingo, 17 de abril de 2011

Marineda City: a polémica está servida


César Quian

Non todos están de acordo coa apertura deste macro centro comercial en A Coruña:

Patrimonio documental


Acta da reunión no
concello de A Laracha:
5 de xaneiro, 1932

En Galicia, onde lle temos tanto amor á terra, fálase moito da herdanza. Pero non só existe a herdanza de bens materiais que nos transmite a familia (como o solar que agora poñemos en venta), senón que tamén existe o patrimonio histórico-artístico e cultural que herdamos como pobo e que inclúe o patrimonio documental.

Vou empregar aquí o termo herdanza ou patrimonio documental  para me referir aos documentos que tamén herdamos na nosa familia, tanto escrituras da propiedade como poderes, cartas persoais, fotos, diarios e, curiosamente, a acta dunha reunión no concello da Laracha asinada o 5 de xaneiro do ano 1932, entre outros, por os meus avós (materno e paterno), concelleiros durante a Segunda República.

Para min este legado inmaterial (ou polo menos non cuantificable economicamente) é o máis valioso, tanto que non se lle pode poñer prezo.

domingo, 10 de abril de 2011

Os veráns lonxe de Caión

Nun post anterior comentaba que colaboro nuns proxectos que non me deixan tempo para gozar do verán en Caión. Nesta entrada vou describir as dúas iniciativas nas que participo.
O primeiro deles xurdiu como unha proposta de Tashi Chering, un guía e montañeiro de Gulabgarh, unha vila pequena situada no estado de J&K, na India. Eu coñecín a Tashi na expedición que fixemos un grupo de amigos no ano 2007 ao val de Spiti. Propúxome traballar como profesora de inglés voluntaria nun colexio da súa vila durante un mes. Aceptei, e así foi como pasei as miñas vacacións do verán pasado. A miña experiencia, a convivencia coa xente dese lugar foi marabillosa.
Cando marchaba da vila, pensei que non só precisaban axuda os nenos e nenas de Gulabgarh, senón que tamén as súas nais merecían que alguén fixese un esforzo por elas xa que elas se esforzan por asegurar que os seus fillos e fillas reciban a formación que elas nunca tiveron. Comenteino con Tashi e xurdiu a idea de comezar un proxecto de alfabetización das mulleres do lugar, pois a gran maioría dos pais e nais dos meus alumnos eran analfabetos e as mulleres, como é de imaxinar, son as máis desfavorecidas.
Foi unha sorte poder contar con unha persoa de confianza en Gulabgarh que se entusiasmase coa idea. Agora Tashi Chering dirixe o proxecto, que comezou con unhas 25 alumnas en novembro do 2010. Grazas á contribución dunha profesora da EOI de Santiago e de varios amigos e coñecidos, púidose alugar un local, contratar a unha mestra e mercar o material necesario para que as mulleres poidan comezar a aprender. Hai pouco, outra contribución do claustro da mesma EOI axudou a que as clases continuasen uns meses máis. Estou moi ilusionada pero máis o están as mulleres de Gulabgarh e tamén tremendamente agradecidas. Agora o importante é que esta iniciativa teña continuidade.
Para máis información, pode contactar comigo ou con Tashi Chering, a través da súa web lonpoadventures.com

É hora dun xaxún de novas

Segundo as últimas novas económicas, non nos queda outra que ter paciencia, tanto os vendedores como os inversores inmobiliarios. Por iso creo que o comprador ou compradora do terreo que teño en venta tería que ser unha persoa emprendedora, creativa, con entusiasmo e capacidade para asumir riscos. Tamén sei que un inversor nunca sairía perdendo coa compra deste solar.  Para vender terei que esperar a que apareza ese as das finanzas, da inmobiliaria ou simplemente un namorado da beleza e estilo de vida da nosa costa. O que primeiro chegue, será o que consiga este solar desde onde gozar dunha paisaxe de singular beleza (que neste caso non é un tópico)! Que mellor lugar para practicar un merecidísimo xaxún de novas? Deixemos atrás o pesimismo dos medios de comunicación e intentemos ver esa luz que sen dúbida existe ao final do túnel.

domingo, 20 de febrero de 2011

As algas: un abono ecolóxico

Hoxe en día non é moi común, pero a miña familia, como moitos outros habitantes de Caión, aínda recollían este recurso mariño para aboar as terras da familia. Meu pai metíase no mar para arrastralas ata terra e miñas tías íanas amoreando na area. Así eran de ricas as patacas e a tamén as cebolas moradas e doces tan famosas da nosa vila! Agora esta práctica tradicional estase a estudar como alternativa ecolóxica a outros tipos de abono.
Cando entraba o golfe, cada un recollía e amoreaba certa cantidade nunha zona da praia de salseiras que se chama "auga redondo" ou na ribeira (no porto), según por onde entrara. O montón marcábase cos troncos de algunhas algas como as correolas; logo recollíase nunha saba de catro puntas feita de arpilleira. Amarrábanse as puntas en triángulo, facendo nós coas puntas de fóra. Esas dúas puntas de fóra enganchábanse na cabeza para que non caera a saba, para controlar o peso e para non cargar demasiado o lombo. Levábanse a costas ata as leiras, onde se usaban como abono. Sen tractores, sen máquinas, sen nada de axuda mecánica, este traballo tan duro facíano as mulleres e homes da vila desde tempos ancestrais. 
Dende o solar en venta hai unhas estupendas vistas cara "auga redondo", onde aínda se acumula ese golfe. Por certo, meu pai ensinoume que cando esas algas comezaban a secar, a xente do lugar ía ata alí e pisábanas porque crían que era bo para os osos xa que zumegaba iodo. Eu fíxeno, camiñei sobre eses montóns de algas que hoxe en día xa ninguén recolle. Non é que o cheiro sexa moi agradábel, pero resístese e se é tan bo como se dicía, pois paga a pena aguantar ese "aroma".

domingo, 6 de febrero de 2011

Piratas dos de antes


Noutro post falaba dos cambios bos e malos que sufriu esta vila ao longo dos anos. Pois un dos bos é que xa non hai piratas... dos de antes, claro. Si, á nosa costa chegaban piratas; supoño que nas zonas de mar aberto era así. Pregúntome de onde sairían? A cousa complicouse tanto que os Agustiños que ocupaban o antigo convento do século XVI decidiron que estaban cansos de loitar, de recuperar as colleitas que con tanto mimo plantaran e marcharon á veciña cidade de A Coruña.
Agora que xa non hai piratas que poidan arrasar cos nosos cultivos e coas nosas casas, xa non é un risco vivir tan preto do mar, tan preto como os monxes daquel momento!
Claro que esta historia de piratas é a que contaban os meus bisavós a meu pai e as súas irmáns, porque a historia que teño lido eu é bastante distinta.

domingo, 30 de enero de 2011

Pasado, presente e futuro de Caión. O desenvolvemento sostible


Caión cando aínda existía o noso muíño de vento na insua

Atadoras no peirao de Caión
Como cambiou Caión! Moitos dos cambios foron positivos, outros non tanto. A min encantaríame que esta vila fose o lugar paradisíaco, illado, solitario, salvaxe e único que foi nun pasado non tan lonxano, pero esa idea romántica non concorda co desenvolvemento e crecemento urbanísticos que, ao fin e ao cabo, son imprescindibles. Agora ben, ese progreso inevitable debe ser tamén sostible e respetuoso co medioambiente. Un solar coma este non só é unha boa inversión, senón tamén unha excelente oportunidade para contribuír ao desenvolvemento urbano con un proxecto sostible e, á súa vez sensible e agarimoso coa natureza.
Chalana chegando ao porto de Caión
Quen di que os apartamentos na costa non son, incluso hoxe, unha boa inversión? O que non teñen por qué ser é un exemplo de feísmo urbanístico. Quizáis non poidamos evitar que outras persoas contribúan á destrución do noso patrimonio histórico, urbanístico e natural, pero estou convencida de que si podemos e debemos, facer algo para mellorar o noso entorno a través de proxectos sostibles como o que poderíamos edificar sobre este fabuloso terreo.

A min faríame moita ilusión poder facer realidade unha obra destas características, pero non está dentro das miñas posibilidades e ademáis, neste momento participo noutros proxectos humanitarios que ocupan casi todo o meu tempo libre. Por iso me encantaría que se atrevese outra persoa emprendedora, coa ilusión posta en conservar a fermosura deste marabilloso lugar.

Practicamente non quedan solares dispoñibles nesta vila que se poidan urbanizar e aínda por riba co mar de fondo! Nada lle impide a vostede disfrutar da paisaxe, dun fermoso fogar ao mesmo tempo que realiza unha excelente inversión que axude a facer que Caión--que a costa de Galicia--siga crecendo e desenvolvéndose do mellor xeito posible. 

domingo, 23 de enero de 2011

Osos de balea e outras historias


Meu pai aínda recordaba cando, nos días malos, o mar embravecido cruzada a praza de Caión. Tamén lembraba os osos de balea que se colocaban na praza para servir de asento. Sobre eses bancos sentaban seus avós e outra xente do lugar a amañar o mundo, mentres disfrutaban das longas e soleadas tardes do verán. Quizáis non o saiba, pero Caión foi porto baleeiro.

jueves, 20 de enero de 2011

lunes, 17 de enero de 2011

FICHA-RESUMO DO SOLAR EN VENTA










LOCALIDADE Caión, municipio de A Laracha (Coruña) a 8 km de Arteixo e 20 de A Coruña.
TIPO DE ZONA Residencial: vila pesqueira
SUPERFICIE FINCA: 128 m2
SUPERFICIE CONSTRUÍDA: 70 m2
ANO CONSTRUCIÓN: 1960
CARACTERÍSTICAS: Situado en zona urbana, inclúe un garaxe-almacén, unha pequena casa detrás e, nun lateral, un cachiño de terreo pechado por un muro baixo. As fachadas dianteira e posterior miden 10,70 e 11,80 metros, respectivamente.

domingo, 16 de enero de 2011

A propietaria e o terreo


Ola,
Estou encantada de poder amosarlle este terreo e as fermosas paisaxes do porto pesqueiro de Caión na Costa da Morte de Galicia. A miña familia leva aquí desde sempre, pero non creo que sexa esa a única razón para que esté convencida de que non quedan lugares coma este. Esta pequena, feitiña e curiosísima península está situada nunha zona de grande riqueza marina e paisaxística. As súas xentes son amables, a súa paisaxe encantadora, rodeada de zonas naturais protexidas.
Se o que vostede busca é ter unha casa ou apartamento na nosa costa galega, se desexa atopar a tranquilidade, e o aire puro e fresco do mar e do monte ao mesmo tempo que a comodidade de vivir a poucos kilómetros de Coruña, esta é a súa oportunidade. Non a deixe marchar!
Contacte comigo a través do formulario que atopará ao final desta páxina e fixamos un día e unha hora para ver o terreo. Se lle gusta, podemos sentarnos a falar do prezo e outros detalles.

Terreo en venta en Caión, A Laracha (Galicia)


VÉNDESE TERREO URBANIZABLE NA COSTA DE GALICIA
O terreo, situado no porto pesqueiro de Caión, inclúe un garaxe-almacén, unha pequena casa detrás e, nun lateral, un cachiño de terreo pechado por un muro baixo. As medidas das fachadas dianteira e posterior son 10,70m e 11,80m, respectivamente.
O solar está no cruce da pista que vai dar á praia de Salseiras e a un pasiño da praza principal da vila de Caión. As vistas ao mar son espectaculares. Caión está a 8 km de Arteixo e a uns 20 de A Coruña.