domingo, 24 de abril de 2011

Receita do pan de ovo galego (rosca de pascua)



En Lendo, a aldea de Galicia onde naceu miña nai, o chamado pan de ovo facíase polas festas de San Xulián, o patrón da vila. O día grande era o 7 de xaneiro, un día despois da Epifanía. Así que miña nai asocia a rosca coa festa da vila, non co día de Reis.
Lendo: a casa onde naceu miña nai
Como algúns xa saben, na comarca de Bergantiños a sobremesa típica das festas é o pan de ovo en forma de rosca ou trenza e biscoito acompañados de queixo do país. Exquisito!
Durante a Pascua, os padriños regalaban a seus afillados e afilladas un bolo de Pascua. Este facíase coa mesma masa que a famosa rosca das festas, pero non se lle daba a forma de rosca, senón a dun bolo de pan. Segundo miña nai, ultimamente, que para ela significa hai 30 anos, o bolo de Pascua levaba un ovo cocido no centro. Cando casan, os afillados e afilladas deixan de recibir este delicioso agasallo!

Para que poidan saborear un dos doces máis típicos de Galicia--e de outras culturas cristiáns de toda Europa--aquí poden descargar a receita de miña nai, Clara.

Por certo, cando miña nai tiña un restaurante en Caión (diso hai moitos anos) a xente dicía que a súa tortilla era mellor que a famosa de As Casillas de Betanzos. Pero esa polémica déixoa para outro día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario